Os vindeiros días 10 e 11 de decembro terá lugar de forma telemática a Asemblea Xeral Ordinaria de CEFAPIT, a confederación estatal de asociacións de guías de turismo á que pertence APIT-Galicia en calidade de socio fundador. Fachendeamos de sermos unha das asociacións con maior número de membros das 28 participantes.

Nesta reunión formularanse as liñas a seguir nun futuro próximo con respecto á nosa profesión e que daremos a coñecer despois da súa conclusión.

Presidirán a apertura desta asemblea virtual o Secretario de Estado de Turismo, D. Fernando Valdés, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Dª Nava Castro, e a presidenta de CEFAPIT, Dª Almudena Cencerrado. A continuación, e previamente ás sesións de traballo, terá lugar unha presentación do programa do Xacobeo 2021. APIT-Galicia quere agradecer que grazas ao apoio da Xunta de Galicia poidamos ser os anfitrións virtuais deste evento. É a terceira vez que a Asemblea Xeral de CEFAPIT se organiza en Galicia, malia que esta é a primeira que ten lugar de maneira virtual.