A Asociación Profesional dos Guías de Turismo de Galicia (APIT – Galicia) é unha asociación sen ánimo de lucro constituída co obxectivo de fomentar a solidariedade entre os asociados e defender a profisión. Con este obxectivo pretendemos ofertar a mellor calidade a aqueles turistas que nos solicitaren os servizos de interpretación do patrimonio na nosa terra.

A nosa asociación foi fundada no ano 1977 e reformou os seus estatutos nos anos 1996 e 2009 co fin de se adaptar ás novas lexislacións e reforzar o seu papel como referente dos guías profesionais de turismo na Galiza. A APIT – Galicia é membro da Confederación Española e da Federación Europea de Guías que á súa vez fai parte da Federación Mundial. Cada 21 de febreiro celebramos o día mundial do Guía de Turismo.

Na APIT-Galicia temos rexistrados dous emblemas asociativos: paraugas amarelo e logotipo (un “G” e un “T” enlazados na cor azul da bandeira galega). A lei galega estabelece que o guía oficial deberá identificarse, caso de ser requerido, coa habilitación oficial da Xunta de Galicia (un cartón de plástico no que se indican os dados profesionais do guía e os idiomas para os que está habilitado) e con un distintivo que pode colocar na solapa.

O acervo legal  que constitúe a profisión de guía oficial inclúe as competencias establecidas polo Comité Europeo de Normalización (CEN) e a norma española UNE EN 13809 que no punto 2.3.5 define o guía de turismo como “a persoa que guía os visitantes no idioma da escolla deles e interpreta o patrimonio cultural e natural dunha zona e que, normalmente, posúe un titulamento específico recoñecido no xeral polas autoridades competentes”. A Xunta de Galicia mediante a Orde do 26 de marzo de 1988  define a actividade de guía de turismo especializado como a “prestación, con carácter habitual e retribuído, de servizos de información turística sobre os bens integrantes no patrimonio cultural de Galicia”.

Todos os membros e os usuarios rexistrados poden entrar na intranet da Asociación.