
A zona vella e a catedral de Santiago: a nosa catedral foi construída no século XII e as casas e rúas, de trazado medieval, son de época barroca. Santiago é meta tradicional de peregrinacións cristiás ao sepulcro do apóstolo Santiago o Maior e un lugar escollido por miles de turistas para gozar da gastronomía galega.
O camiño de Santiago: foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa como consecuencia do seu contributo á xestación cultural de Europa. Pódese afirmar que estamos vivindo unha nova etapa de esplendor das peregrinacións con decenas de peregrinos anuais achegándose á nosa cidade a pé, dacabalo ou en bicicleta. O cabido compostelano estableceu como requisito para ser considerado peregrino realizar, ao menos, os 100 últimos km a pé ou os 200 últimos en bicicleta dalgún dos diferentes camiños a Santiago.


As murallas de Lugo: aínda que existen máis murallas da época romana as de Lugo son as únicas que conservaron todo o seu perímetro (máis de 2 km). Lucus Augusti pode ser considerada a primeira capital de Galicia pois foi capital do conventus da provincia romana da Gallaecia que corresponde, grosso modo, coa Galiza actual. No interior da cidade, as murallas encerran a catedral medieval e unha serie de rúas empedradas con cafés, bares de viños e abondosas tapas de sobrada fama: “e para comer, Lugo”. Varios museos, entre os que destaca o provincial, atesouran a riqueza etnográfica e histórica da provincia.
A Torre de Hércules: é un faro de principios da nosa era reformado no século XVIII grazas ao cal é o único faro romano no mundo aínda en funcionamento. Está situado na Coruña e rodeado dun parque con unha rosa dos ventos. Na rosa dos ventos están representados os países celtas co seu emblema identificativo evocando a relación lendaria do faro coa conquista de Irlanda segundo documentos medievais irlandeses.


O queixo de tetilla é o noso queixo máis coñecido e producido por toda a comunidade autónoma. É definido como de corteza fina e eléstica, sen mofo, e de cor da palla. A pasta é branda, cremosa e uniforme con poucos ollos. Caracterízase pola súa forma cónica e a maturación mínima son sete días.
O queixo Arzúa-Ulloa pode ter forma cónica, de tetilla mais tamén pode ser plano. Necesita un tempo de maturación de ao menos 15 días. Polo xeral carece de ollos e a súa pasta é cremosa e mol. É elaborado exclusivamente con leite de vaca.
O queixo San Simón é un queixo afumado en madeira de bidueiro con unha corteza dura de entre 1 e 3 mm e tonalidades de amarelo ocre. A forma é tamén cónica con tendencia a ser unha bala. Necesita ao menos 60 días para maturar.
O queixo do Cebreiro pode ser fresco ou curado. É un queixo de pasta branca e granulosa con tacto a arxila. Cando é curado tende a unha cor máis amarelosa e unha pasta máis dura. O queixo fresco matura durante 3 ou 4 días e o curado necesita uns 2 meses. A súa forma lembra ao chapeu dun chef de cociña.
O viño do Ribeiro: é o cultivado nos vales occidentais da provincia de Ourense. Son viños moderadamente acedos de aromas afrutados e florais. Trátase da denominación de orixe (D.O.) máis coñecida de Galiza e o viño tradicionalmente máis popular. O Ribeiro non é un tipo de uva senón unha zona. As uvas do ribeiro son treixadura, loureira, caíño, brancellao… mais xa comezaron a cultivar tamén albariño nesta zona.
Os outros viños de Ourense: a Xunta de Galicia aprobou outras tres denominacións de orixe na provincia de Ourense: Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei. O viño de Valdeorras é o do oriente da provincia, co godello como uva para o branco e o mencía como uva para o viño tinto. O Ribeira Sacra (coas uvas godello, albariño ou mencía) é o do norte da provincia e, amiúdo, é cultivado en socalcos sobre os cañóns do río Sil. Por último, a D.O. de Monterrei, no sul da provincia, cultiva mencía, bastardo e araúxa para o viño tinto e verdello, dona branca ou verdello louro para o viño branco. Estes viños poden alcanzar os 11 graos
