Este domingo, 21 de febreiro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Guía de Turismo. #DIGT2021 #ITGDay2021

A nosa é unha das actividades económicas máis restrinxidas polas medidas de prevención da COVID-19 ao longo deste último ano, debido ás prohibicións de desprazamentos e agrupacións de persoas non conviventes, mesmo en espazos abertos. Nestes momentos, en Galicia, non se permiten as visitas guiadas. Por esta razón non podemos celebrar a efemérede como noutros anos, con visitas benéficas en favor de colectivos máis desfavorecidos.

As nosas accións deste ano serán de carácter virtual, empregando nas redes sociais o cancelo #DIGT2021. En todo o estado, coordinados pola federación CEFAPIT da que formamos parte, lembraremos que os guías de turismo seguimos aí, agardando por todos vós, coa garantía de seguridade que ofrecemos os profesionais da divulgación do patrimonio. Tamén na conta de Facebook da federación mundial WFTGA, as asociacións de guías de todo o planeta compartiremos as nosas experiencias e actividades, lembrando que co noso traballo de narración creativa contribuimos ao desenvolvemento do turismo rural.

Coas achegas audiovisuais dos nosos asociados, compuxemos este vídeo, que centra a nosa campaña:

Con este motivo, o presidente de APIT-Galicia, Tommi Alvarellos, participou no programa A Tarde da Radio Galega (minuto 49:25) e no programa A Revista da TVG.