Pasaron o solsticio e a noite máxica do Lume Novo de San Xoán: xa comezou o verán! Esta tarde temos un novo Obradoiro do Guía para formarnos en prevención do contaxio da COVID-19 no noso traballo. Este é o terceiro de catro webinarios iguais impartidos por Tommi Alvarellos, presidente de APIT-Galicia. Os contidos desta formación baséanse nos protocolos ICTE e nos manuais desenvolvidos pola Xunta de Galicia para garantir que Galicia sexa un destino seguro. Os participantes destas formacións serán posteriormente avaliados polo Centro Superior de Hostelaría de Galicia, mediante un cuestionario en liña, a fin de emitir unha certificación a quen supere o 80% das preguntas. haberá unha cuarta e última data para acceder a esta formación, o 8 de xullo.

Mañá venres 26 temos outra formación con Mar Castro, especialista en NETiqueta, para aprendermos a xestionar a nosa comunicación dixital: a nosa visibilidade e comportamento en redes sociais, correos electrónicos, aplicacións, foros, chats e blogs.