Organiza a túa visita

As cidades

A Coruña

Di o ditado popular que Vigo traballa, Santiago reza e a Coruña divírtese. A Coruña é unha cidade para pasear. Foi construída sobre un itsmo e desde o porto á praia de Riazor ten menos de medio quilómetro. Destacan na Mariña as coñecidas galerías: uns balcóns cubertos de vidro que funcionan de solaina destes edificios. Cando os mariñeiros entraban cos seus barcos na ría e vían a luz do sol se reflectir nas galerías tiñan a sensación de chegar a unha cidade de cristal. A Coruña conta con un Acuario, unha Casa das Ciencias e un Museu dedicado ao ser humano: a Domus. Un paseo marítimo de finais do s. XX, mais de evocacións modernistas, rodea toda a cidade desde o castelo de S. Antón ao monte de San Pedro pasando pola Torre de Hércules.

 

Ferrol

Medrou como cidade de estaleiros e militar no s. XVIII e foi planificada segundo criterios de racionalismo ilustrado que aínda poden ser aprezados no barrio da Magdalena no centro. Ferrolterra posúe un museo militar e dous castelos: o da Palma e o de San Felipe. Viaxando para o norte poden visitar o cabo Prior ou a lagoa de Doniños xunto a unha praia-duna de grande valor ecolóxico. Viaxando para o sul encontrará a vila de Pontedeume pertencente antigamente á casa dos Andrade. Na contorna consérvanse dúas torres, unha delas no centro da vila. Pontedeume é a entrada ao parque natural das fragas do Eume. As fragas son coroadas con as románticas ruinas do mosteiro de Caaveiro.

Lugo

É a cidade galaico-romana por autonomasia. Daquela época conserva as murallas, parte das termas, á beira do río Miño, e múltiples pezas de olaría ou mosaicos nos museos da cidade. Intramuros encóntrase a catedral de orixe medieval e as rúas de soportais e pedra dos viños e as abondosas tapas que as acompañan. Perto da cidade poden visitar o castro-museo romano de Viladonga e o templo romano dedicado á deusa Cibeles coñecido como Santa Eulalia de Bóveda.

Ourense

De orixes romanas e construída, como Lugo, á beira do río Miño é cruzada por varias pontes entre as que destacan a do Milenio (levantada para celebrar o ano 2000) e a ponte Vella de orixe medieval mais con alicerces de época do emperador Augusto. No centro poden visitar a catedral, o museo arqueolóxico e as burgas. As burgas son uns mananciais de auga quente que son aproveitadas na zona da Chavasqueira para unhas piscinas públicas de auga termal ao ar libre.

Pontevedra

Foi antano un importante porto pesqueiro como testemuña a expléndida Colexiada de Santa María construída con doazóns do gremio dos homes do mar da cidade no s.XV. O museo provincial de Pontevedra é dos mais interesantes de Galicia e a igrexa da Peregrina garda dentro a imaxe da patrona da provincia. A zona vella, empedrada e chea de vida, é un lugar magnífico para gozar do marisco da ría. E, moi pertiño, poden visitar Combarro, unha parroquia mariñeira; con casas, cruceiros e hórreos de pedra; construídos sobre un penedo á beira da ría.

Santiago de Compostela

É a capital de Galiza e meta das peregrinacións. Tanto a zona vella como a catedral foron declarados patrimonio da humanidade e están repletas de locais para catar os mellores viños e o marisco ou ou peixe traído das rías. A máis coñecida das rías é a do Franco, na que encontraremos bares ou restaurantes en todas as casas. A universidade de Santiago foi fundada no 1495 e conta hoxe con faculdades por toda a cidade. O centro da cidade presenta numerosas rúas con encanto onde encontraremos tendas de souvenires e cafés de pedra abertos en antigas cuadras e mesmo numa feitoría de chocolate.

 

Vigo

É a cidade máis poboada e industrial de Galiza. Sede da Pescanova ou da Citroën. Destaca polo seu Mercado da Pedra onde é posíbel encontrar as ostras vivas da ría; a rúa comercial Príncipe ou a espectacular vista desde o Monte Castro das illas Cíes até a Ponte de Rande; lugar de historias de batallas e naufraxios como o recollido por Jules Verne no seu Vinte mil leguas de viaxe submarina. Vigo é un excelente punto de partida para coñecer a costa sul: as praias de Samil ou as Américas e as vilas de encanto de Baiona ou A Guarda.

O camiño de Santiago

O camiño francés

É con grande diferenza o camiño de peregrinación principal tanto na actualidade canto na Idade Media. Ao reparar no mapa de Europa pode ver como para chegar camiñando á península Ibérica, de calquer lugar de Europa, é necesario pasar pola Franza. Por iso antigamente todos os estranxeiros eran alcuñados de francos. E no camiño a Santiago cruzamos por Franzas, Francias, Francesillos ou Vilafrancas. O tramo galego do camiño francés comeza no Cebreiro e discorre por bosques de carballos e castiñeiros pola provincia de Lugo até a da Coruña onde son máis comúns os piñeiros e os eucaliptos.

O camiño pasa por vilas, vilares e vilarexos que se manteñen ou voltan á vida grazas a ese lento peregrinar de milleiros de persoas ao ano. No camiño poden gozar de igrexas e mosteiros de orixe medieval ou barrocos (como Samos, o Salvador, Santa María…). A vila de Portomarín foi volta a facer nos anos 60 cando a antiga vila foi asolagada polo encoro do Miño e a igrexa de San Xoán foi desmontada e volta a montar pedra a pedra. En Melide pode experimentar o polbo á feira e nas terras de Arzúa catar o queixo máis recoñecido da nosa terra criado neses prados poboados por vacas frisonas e de raza rubia.

Os outros camiños

Hoxe en día moitos peregrinos viaxan a Roncesvalles, a Ponferrada, ao Cebreiro ou a Sarria para comezar o seu camiño. Porén, nas orixes, o peregrino camiñaba da súa casa e era considerado peregrino até o momento que voltaba ao fogar. Isto xerou grande número de camiños. Mesmo podemos afirmar que existen infinitos camiños como infinitos lugares de orixe. De calquer xeito, non todos os peregrinos que atravesaban Franza chegaban a Santiago através do camiño francés. Algúns viñan polo camiño do norte seguindo a liña da costa de Euscadi, Cantabria e Asturias e finalmente por Mondoñedo e Vilalba. Outros tomaban a rota Primitiva desde Oviedo e pola cidade de Lugo.

Aqueles que chegaban do sul da península Ibérica seguían os camiños portugués ou o da Prata, o que partía de Sevilla. Por último, aqueles afortunados que podían pagar a viaxe en barco desembarcaban en Ferrol ou na Coruña camiñado 66 km desde esta última cidade até Compostela.

O camiño a Fisterra

Non todos os peregrinos terminaban o seu camiño en Compostela. Moitos continuaban para visitar outros lugares relacionados coa lenda do apóstolo: Padrón, Muxía e Fisterra. E Fisterra, o finis terrae, supuña un fito destacado. Naquel promontorio máxico queimaban as roupas vellas da peregrinación e se vestían para unha nova vida. A vieira representábaos como renacidos. Para algúns investigadores, existiu un sincretismo entre o cristianismo e vellos cultos pagáns. Xa antes do cristianismo, habería peregrinos a Fisterra seguindo o sol que lles mostraba a entrada ao alén. O peregrino emprendía de vivo a mesma viaxe que, unha vez morto, emprendería a súa alma atrás do sol até encontrar as illas do paraíso.

 

Rotas e Itinerarios

Provincia da Coruña

A Costa da Morte

Chamada desta maneira pola grande cantidade de naufraxios producidos. Con un temporal, os barcos navegan en cabotaxe, perto da costa podendo bater nas rochas, farallóns ou cantís de vizoso percebe. Ao norte de Fisterra, poden visitar o máis famoso dos dolmens galegos, o de Dombate ou o castro celta de Borneiro. Esta costa destaca pola artesanía popular mantida polos seus habitantes: a olaría de barro en Buño e o encaixe de bolillos en Camariñas. Ao pé do Santuario da Nosa Sra da Barca, en Muxía, xuntánse milleiros de romeiros en setembro para mover a pedra de abalar ou para pasar por baixo da pedra que cura as dores nos cadrís. En Carnota, poden visitar o hórreo máis coñecido de Galiza. Este graneiro para o millo sostense sobre 22 pares de columnas e ten 34 metros de longo. E, no seu remate da costa da Morte polo sul, Muros, vila de magnífica arquitectura de casas mariñeiras perfectamente conservadas.

O Barbanza

En Noia, visite a igrexa de Santa María a Nova e a colección de laudas gremiais gravadas do seu interior que a converten no maior centro gliptográfico de toda Europa. No macizo granítico do Barbanza pode encontrar antigos petroglifos, o dolmen de Axeitos, o castro marítimo de Baroña ou a vista espectacular da cima da Curota que lle permitirá ver ao completo a ría de Arousa e albiscar as de Pontevedra e Vigo. No Barbanza, en Ribeira, encóntranse as famosas dunas de Corrubedo. En Rianxo pode ver a casa de Castelao e na Pobra do Caramiñal a casa-museo de Valle-Inclán.

As Mariñas

Partindo da Coruña, en Oleiros, poden visitar o castelo de Santa Cruz e desde alí continuar ao Pazo de Meirás, lugar de vacacións do ditador Franco. Antes de chegar a Betanzos, xunto á ría, poderían parar para pasear polos fastuosos xardíns versallescos do Pazo de Mariñán. Betanzos conserva parte do antigo parque modernista do Pasatempo que chegou a estar nas guía Michelin do viaxeiro por Europa, antes da nosa guerra civil. No convento de San Francisco, non perda o sorprendente sartego de Fernán Pérez de Andrade (XIV) sostido por un oso e un porco bravo de pedra.

Ferrolterra e o norte

Partindo de Ferrol pola serra da Capelada até o santuario de Santo André de Teixido onde segundo afirma a tradición irá de morto o que non for de vivo. Non esqueza conseguir a herba de namorar que regalan as vendedoras ao redor da capela. E despois continúe até os cantís de Vixía da Herbeira (620 m) os máis altos da Europa continental. En Ortigueira é celebrado anualmente o festival de música celta máis importante de España que chega a congregar 100 mil persoas nesta pequena vila. E termine en estaca de Bares onde o océano Atlántico se bica co mar Cantábrico.

Provincia de Lugo

A Mariña Luguesa

Pode percorrer as vilas señoriais de Viveiro ou Ribadeo e o importantísimo porto para a pesca do atún en Burela. Perto de Ribadeo encóntrase a praia das Catedrais, chamada así polas caprichosas covas e arcos labrados na rocha polas mareas. En Foz encóntrase San Martiño de Mondoñedo, antiga sé episcopal até que foi levada á vila de Mondoñedo ; a diócese, segundo algúns historiadores, ten a súa orixe nas emigracións de refuxiados bretóns no tempo das invasións saxónicas na Inglaterra.

A montaña de Lugo

Lugar de singular beleza natural e etnográfica. Último refuxio para os ursos ou a Pita do Monte. Lugar de lobos, xabaríns, corzos e cervos. No Cebreiro ou Piornedo é posíbel ver as pallozas, vivendas de orixe pre-romana, con muros de pedra e cubrición de palla. Carecían de chemineas e o lume da lareira encontraba a saída entre as pallas do teito. Foron habitadas até os anos 60 e actualmente son museos para mostrar o xeito de vida antiga dos nosos antepasados.

A Ribeira Sacra

E a zona en volta dos fastuosos cañóns do Sil e do Miño inzados de mosteiros de orixe medieval que fixeron gañar o apelativo de sagrada a aquelas terras. Repartida entre as provincias de Lugo e Ourense, a Ribeira Sacra é zona de vides que son cultivadas en socalcos nas ladeiras dos cañóns seguindo unha tradición iniciada polos romanos hai dous mil anos. É posíbel acceder desde Monforte de Lemos, no norte ; ou desde Ourense, polo sul, e visitar algunha das súas adegas, os miradoiros dos cañóns ou algún dos moitos mosteiros medievais.

Provincia de Ourense

A Ribeira Sacra

E a zona en volta dos fastuosos cañóns do Sil e do Miño inzados de mosteiros de orixe medieval que fixeron gañar o apelativo de sagrada a aquelas terras. Repartida entre as provincias de Lugo e Ourense, a Ribeira Sacra é zona de vides que son cultivadas en socalcos nas ladeiras dos cañóns seguindo unha tradición iniciada polos romanos hai dous mil anos. É posíbel acceder desde Monforte de Lemos, no norte ; ou desde Ourense, polo sul, e visitar algunha das súas adegas, os miradoiros dos cañóns ou algún dos moitos mosteiros medievais.

A rota de Allariz, Celanova e Vilanova dos Infantes

Afonso X recompilou as Cantigas de Santa Maria en Allariz e a sua muller, Dona Violante, fundou ali o Convento das Clarisas. Allariz foi premiada polo labor de restauración e rehabilitación, que conservando a arquitectura e o urbanismo antigo, deu nova vida á vila atraíndo poboación doutras localidades e, en particular, de Ourense. Visite a torre de Vilanova dos Infantes e os restos das antigas murallas do castelo. Vilanova é famosa pola súa augardente e a igrexa da Virxe do Cristal cantada por famoso poema do poeta Curros Enríquez. En Celanova poden ver o mosteiro barroco fundado orixinalmente por San Rosendo no ano 936. Desta recuada época aínda conserva unha capela.

As terras do Ribeiro

Ribadavia é a capital destas terras do viño no occidente ourensán. O último sábado de agosto celebran a Festa da Istoria, considerada de Interese Turístico Nacional, no que reviven o pasado xudeu. Na época da vendima Ribadavia está moi viva e algunhas tabernas son abertas apenas nesta época para catar o ribeiro da nova colleita. No Carballiño pode visitar o templo da Veracruz do artista modernistas Antonio Palacios ou a igrexa dos Astures, glorioso exemplo de arte asturiano na Galiza. E, na zona de Leiro, non deixe de visitar o mosteiro de San Clodio perdido entre aqueles vales de viñedos.

Provincia de Pontevedra

O Baixo Miño

Visite en Panxón a igrexa visigótica e o Templo Votivo do Mar erixido a principios do s.XX polo artista modernista Antonio Palacios. Na vila de Baiona, pode ver o castelo-parador de Monterral, a cidade vella ou a réplica da carabela que no 1493 transmitiu a Europa a boa nova do éxito da viaxe de Cristóbal Colón. E continúe por zona de mar aberto onde se encontra o Mosteiro de Oia, o único galego que dá ao mar, para terminar no castro do monte de Santa Tegra coas súas pallozas celtas e a espectacular vista desde o cumio á desembocadura do río Miño.

As terras do Morrazo

Partindo de Pontevedra pola estrada nacional vella chegará ao concello de Marín, famoso pola escola naval, e no lugar de Mogor poderá gozar dos petroglifos prehistóricos mellor conservados da zona. En Bueu existe un museo das Conservas de Massó e antes de chegar a Cangas pasará pola parroquia de Coiro, de onde era a bruxa máis famosa da historia galega: María Soliña. De cabo Home poderán ver unha vista das illas Cíes (que xunto con Ons, Onceta e Sálvora) forman o único parque nacional do que dispomos na Galiza: o das illas Atlánticas. E en Hío poden ver o cruceiro de José Pena, construído nunha só peza; verdadeira obra mestra da cantaría galega.

A ria de Arousa

Saíndo de Santiago chegarán a Padrón, vila famosa pola súa vinculación co apóstolo Santiago e os pequenos pementos verdes dos que se di que uns pican e outros non. De Padrón eran Rosalía de Castro e Camilo José Cela. En Catoira poderán ver as torres do Oeste construídas hai mil anos para defenderse dos viquingos. Cada agosto é conmemorada a derrota dos invasores con unha romaría viquinga. A zona de Vilagarcía ten xusta fama pola súa actividade industrial relacionada coa pesca e o marisqueo. Nesta ría prodúcese o 70% do mexillón español. Considerada a capital do viño das Rías Baixas, Cambados celebra todos os anos en agosto a festa do Albariño. Por toda a zona verán viñedos en parra para o cultivo desta uva. No Grove é celebrada todos os anos, no mes de outubro, a Festa do Marisco. Na entrada á vila poderán cruzar a ponte á Toxa. A Toxa é famosa polo seu balneario e polo xabón que antigamente era elaborado na illa.

Os camiños de Portugal: Tui e o Condado

Esta zona é un cruce de camiños a Portugal polo val do río Tea, famoso polas lampreas, peixe de especial sona en Arbo. Nesta zona encóntrase o balneario de Mondariz, que foi un dos máis importantes da Europa a comezos do s. XX. Tui é sé episcopal e foi capital dunha das provincias históricas do reino da Galiza. Construída nun outeiro fronte ao río, a catedral románica señorea, con aparencia de fortaleza, nesta vila levantada en granito á beira do río Miño, na fronteira con Portugal.