A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT-Galicia), a través dos seus delegados, ten a honra de convidar a Vostede a participar un ano máis na celebración do Día Mundial do Guía de Turismo, este venres 21 de febreiro.

Con este motivo, durante todo o día, os membros da Asociación Profesional de Guías de Galicia ofreceremos en múltiples puntos de Galicia visitas guiadas gratuítas.

Este é un servizo que os Guías Oficiais de Galicia ofreceremos de xeito desinteresado, poñendo o noso traballo a disposición da cidadanía. Porén, para contribuírmos aínda máis ao beneficio social desta efemérede, ao final das visitas recadaranse donativos de xeito voluntario en prol da Federación Galega de Esclerose Múltiple, FEGADEM (www.esclerosismultiplegalicia.org).

Con estas visitas gratuitas e cos cancelos #DIGT2020 #ITGD2020 nas nosas redes sociais, queremos darlle visibilidade a un colectivo cada vez mais desprestixiado pola uberización desta sociedade. Un colectivo cada vez mais afectado polo intrusismo e pola competencia desleal. Un colectivo que forma parte do PIB do noso país, contribuíndo co seu traballo e os seus impostos á riqueza da nosa terra. Un colectivo de profesionais preparados, documentados e en continua formación para sermos dignos embaixadores da nosa terra .
Por todo isto o slogan este ano será SÉ TURISTA NA TÚA TERRA: coñece todo o que a túa cidade ten por ofrecer da man do colectivo de profesionais habilitados para elo. Queremos promover o turismo interno, promover a vida, os monumentos e as xentes das nosas cidades.

Queremos loitar contra a turismofobia pero tamén queremos un turismo responsable. Quen mellor que un Guía Oficial Titulado para ser o embaixador da nosa terra ante as xentes que nos visitan? Quen mellor que un Guía Oficial de Turismo para promocionar a nosa terra dende un punto de vista ameno, documentado e veraz?.

Convidamo a cidadanía a participar nas visitas guiadas e gratuítas en todas estas cidades:

 SANTIAGO DE COMPOSTELA (12:00 h e 16:00 h Praza de Praterías)
 A CORUÑA (12.00 h Praza María Pita, 17:00 h Obelisco).
 OURENSE (12:30 h Praza Maior, 17:00 h Oficina de Turismo).
 LUGO (12:00 h e 17:30 h Praza Maior (soportais do Concello)).
 PONTEVEDRA (11:00 h diante do Concello).
 VIGO (12:00 h entrada do Pazo Quiñones de León; 17:00 h Estatua do Bañista (Rúa
Cánovas del Castillo, 1).
 MONFORTE DE LEMOS (17:30 Parador Nacional de Monforte).

Para grupos de máis de 8 persoas convén facer reserva indicando horario e ruta do seu interese mediante correo electrónico a info@guiasdegalicia.org.

NOVIDADE 2020: Podes solicitar dispoñibilidade de visitas en inglés, francés, etc para o teu colectivo en info@guiasdegalicia.org

  •