«Nova normalidade» en Galicia: como afecta á profesión de guías de turismo
Hoxe, 15 de xuño de 2020, Galicia sae do estado de alarma decretado pola urxencia de previr a expansión da COVID-19 o pasado mes de marzo. Con todo segue habendo restricións canto á circulación de persoas entre territorios, e limitacións de aforo que permitan manter a distancia sanitaria. Isto afecta ao exercicio da nosa actividade profesional, que xa estaba permitido desde o momento en que pasamos á fase 3 da desescalada.
No DOG de hoxe publícase a Resolución da Consellería de Sanidade que establece as normas de prevención da COVID-19 de aplicación a partir do luns 15 de xuño, cando Galicia deixa de estar en estado de alarma. Na contabilidade dos aforos sempre deben incluirse os traballadores: nos casos de grupos turísticos e visitas a museos e monumentos, insístese moito en que o tamaño máximo é de 25 persoas incluído o guía ou monitor.
O apartado 3.27.3 é o que se refire especificamente ás visitas turísticas:
Poderá realizarse a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de vinte e cinco persoas, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara. En calquera caso, deberán respectarse as condicións en que deba desenvolverse a actividade de visita a monumentos e outros equipamentos culturais e procurarase evitar o tránsito por zonas ou lugares susceptibles de xerar aglomeracións.
A maiores desta limitación de capacidade, haberá que tomar en conta as medidas preventivas de distancia sanitaria, lavado frecuente de mans e uso de máscara, etc. Os protocolos ICTE e os manuais da Xunta en prevención da COVID son a base dos obradoiros de formación que estamos a impartir co obxecto de obter unha certificación da Xunta de Galicia dentro da campaña #GaliciaDestinoSeguro.