A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT-Galicia), en virtude do convenio coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia no marco do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico frente aos efectos derivados da COVID-19, programou para as próximas semanas unha serie de actividades formativas orientadas a todos os guías de turismo de Galicia, os Obradoiros do guía.

O terceiro seminario en liña: Oratoria, linguaxe corporal e comunicación non verbal, impartido por Mar Castro, terá lugar o vindeiro venres 29 de maio. Mar Castro é doutora en Comunicación e Máster de Investigación en Comunicación pola Universidade de Vigo; Máster en Protocolo e Relacións Externas no ámbito oficial, empresarial, cultural e internacional pola UCJC; Máster Universitario en Protocolo, Especialista Universitario en Ceremonial e Protocolo, e Licenciada en Ciencias Económicas pola UNED. Compaxina a súa labor de asesora de comunicación coa docencia en cursos de grao e postgrao en universidades e escolas de negocio españolas e iberoamericanas. Colabora en medios de comunicación -La Voz de Galicia, TVG, Onda Cero, Open Radio, etc- como experta en comunicación.

Ante o éxito de público das dúas primeiras formacións, que sumaron máis de 200 participantes, mudamos de plataforma para podermos ofrecer máis prazas. Estes seminarios están abertos a todos os profesionais, sexan membros da asociación ou non, de xeito gratuíto: o único requisito é estar legalmente habilitado para exercer como guía de turismo en Galicia.

Para asistir a estes seminarios é necesaria inscripción mediante correo electrónico dirigido a secretaria@guiasdegalicia.org, indicando o número de carné de guía de turismo.